Wednesday 08 de May de 2024

A Deputación da Coruña financiará o arranxo do saneamento no camiño do Sartego


As obras consistirán na instalación de novos colectores separados para as augas fecais e pluviais, así como no aglomerado desta rúa e da Fontenova

O proxecto deseñado polo Concello de Fene para reparar o sistema de saneamento e de recollida de augas pluviais no camiño do Sartego contará cunha axuda provincial de 103.000 euros, tal e como se recolle no expediente de modificación de créditos da Deputación aprobado no pleno do pasado 28 de outubro. As obras, que o Concello cifrou en algo máis de 129.000 euros, abranguerán a substitución das antigas canalizacións soterradas, a instalación de novas arquetas e a reposición do firme con aglomerado. Ademais, na mesma intervención tamén se aproveitará para reparar por completo a rúa Fontenova, que une a vía do Sartego coa Casa da Cultura.

Tal e como se describe no proxecto da obra, o tramo da rede sanitaria do camiño do Sartego comprendido entre o cruzamento con Naturais de Fene e o camiño da Casanova -arredor de 200 metros de distancia- encóntrase “en moi malas condicións, con xuntas deterioradas, fendas e roturas nas tubaxes” que provocan durante o inverno rebordamentos e filtracións á superficie de augas fecais e o progresivo esfondamento da estrada.

Soterrada nesta vía hai dunha condución de formigón con varias décadas de antigüidade que, ademais, xunta no mesmo colector as augas residuais e as da choiva. Unha situación á que agora o Concello lle vai poñer remedio mediante tres actuacións concretas.

A primeira ocuparase de instalar un colector de 315 mm de diámetro e 187 metros de lonxitude que recolla exclusivamente as augas fecais dos domicilios.

A segunda colocará en paralelo outra tubaxe subterránea de 400mm e 184 metros de lonxitude pola que discorra separada a auga da choiva, incluída a procedente das baixantes dos tellados dos edificios.

A terceira actuación ocuparase de repoñer a estrada mellorándoa con aglomerado e instalando no trazado arquetas de rexistro tanto para as augas fecais como pluviais, xunto con desaugadoiros e canalizacións que encamiñen a choiva desde as beiras da estrada.

Porén, de paso que se cambia o firme no camiño do Sartego, o Concello tamén aproveitará para mellorar o estado da adxacente rúa Fontenova ata a conexión coa avenida de Conces pasando polo lateral da Casa da Cultura. Nela tamén se botará aglomerado ao longo de algo máis de 160 metros e repararanse as zonas de beirarrúa que estean danadas.

O total do investimento para todo o proxecto estímase en 129.591 € ive incluído. O Concello contactou hai arredor dun mes coa Deputación da Coruña co obxectivo de obter colaboración económica que, finalmente, o ente provincial aprobou en pleno o pasado 28 de outubro dándolle o visto e prace a unha modificación de créditos por importe de 103.672 euros.

Tan pronto como se materialice a achega co correspondente acordo entre ámbalas partes, o Concello poderá iniciar o proceso de contratación das obras, cun prazo de execución estimado no proxecto en 3 meses. Tempo que, case con total seguridade, se reducirá igual que o prezo nas ofertas que presenten as empresas aspirantes a facerse coas obras.